1.- Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC
--- (GAC-UDC)

2.- Grupo de Arquitectura de Computadores da USC --- (GAC-USC)

3.- Laboratorio de Bases de Datos da UDC --- (LBD)

4.- Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial da UDC --- (LIDIA)

5.- Grupo de Modelización, Optimización e Inferencia Estadística da UDC --- (MODES)

6.- Grupo de Filoxenómica da UVIGO --- (PHYLOLAB)

7.- Grupo de Enxeñería de Bioprocesos do IIM de Vigo, CSIC --- (BIOPROC)

8.- Grupo de Gráficos por Computador e Enxeñería de Datos da USC --- (COGRADE)

9.- High Performance Computing Group do Centro de Supercomputación de Galicia --- (CESGA)

10.- Grupo de Ecoloxía Planctónica e Bioxeoquímica (EPB) do Centro Oceanográfico de A Coruña --- (IEO)

 

**************************************************************************

(Nota: Datos de Setembro 2016)

 

1.- Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC (GAC-UDC)

O GAC-UDC é Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia cunha traxectoria de máis de 20 anos no campo HPC, prestando especial atención nos últimos anos á computación cloud e ao procesamento Big Data, principalmente nos seguintes ámbitos: avaliación e optimización do rendemento de infraestructuras cloud e de frameworks para o procesamento Big Data, despregue de aplicacións/simulacións HPC en clouds (colaboracións de carácter interdisciplinar), soporte de comunicacións de altas prestacións para acelerar o procesamento Big Data en infraestructuras HPC, etc. Nos últimos 5 anos o grupo: captou financiación de I+D por importe de 4.6M€ en proxectos internacionais, nacionais e autonómicos, en convocatorias competitivas de recursos humanos, así como en contratos de I+D con empresas e administracións públicas; publicou 95 artigos en revistas JCR e 101 en congresos internacionais con revisión por pares (o 30% das publicacións en coautoría con grupos estranxeiros); dirixiu 19 teses no marco do seu Programa de Doutoramento con Mención de Calidade (posteriormente con Mención cara a Excelencia); e prestou especial atención á transferencia dos seus resultados de I+D mediante a creación de 2 spin-offs, ademais de xerar 1 patente en EE.UU. e 10 rexistros da propiedade intelectual do software HPC desenvolvido.

 

2.- Grupo de Arquitectura de Computadores da USC (GAC-USC)

O GAC-USC é Grupo de Referencia Competitiva do SUG. Ten unha traxectoria de máis de 30 anos no campo HPC, abordando nos últimos anos a computación cloud e o procesamento Big Data. Nestes temas a actividade do grupo céntrase na avaliación do rendemento e optimización de aplicacións no cloud (por exemplo, no ámbito medioambiental), o desenvolvemento de sistemas para o despregue automático e xestión de clusters virtuais no cloud, incluíndo a optimización do uso do cloud en aplicacións HPC, e o uso de tecnoloxías HPC e Big Data aplicadas a diferentes eidos científicos como o procesamento da linguaxe natural, a física de altas enerxías e a Bioinformática. Desde 2013 ata a actualidade, o grupo: captou financiamento de I+D por importe de case 1 millón de € en proxectos internacionais, nacionais e autonómicos, así como en contratos de I+D con empresas e administracións públicas; publicou 40 artigos en revistas JCR e 40 en congresos internacionais con revisión por pares, e dirixiu 9 teses de doutoramento. Ademais de ter unha longa traxectoria de colaboración con algúns dos grupos da rede, tamén colabora de xeito estable con outros grupos de recoñecido prestixio internacional pertencentes, entre outras institucións, á Universidade de California en Irvine, Escola Politécnica Superior de Lyon, Universidade de Glasgow, Universidade de Queen´s en Belfast, Universidade de Praga, Universidade de Tübingen, INRIA, Universidade de Oxford e Universidade de Illinois.


3.- Laboratorio de Bases de Datos da UDC (LBD)

O LBD foi creado en 1996 e desenvolve desde entón actividades de investigación e transferencia no ámbito da xestión de datos e dos sistemas de información cunha liña moi especializada na representación comprimida e autoindexada de grandes conxuntos de datos e a algoritmia para o seu procesamento eficiente, o que encaixa directamente na temática da rede, principalmente no ámbito do procesamento Big Data. O LBD é Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia desde a primeira convocatoria de 2006. Nos últimos 5 anos o grupo: captou financiamento de I+D por importe de 2.8M€ en proxectos nacionais e autonómicos, así como en contratos de I+D con empresas e administracións públicas; publicou 22 artigos en revistas JCR e 49 en congresos internacionais indexados (o 70% das publicacións en coautoría con grupos estranxeiros); e léronse 10 teses de doutoramento no seno do grupo. Hai que salientar que o LBD ten clara vocación cara a investigación aplicada e a transferencia tecnolóxica, como o amosa o feito de ter creado xa en 2003 unha empresa spin-off (Enxenio S.L.) coa que colabora desde entón, xa que esta empresa comercializa varios dos productos resultado da I+D do grupo (entre eles, 3 rexistros da propiedade intelectual software).


4.- Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial da UDC (LIDIA)

LIDIA é Grupo de Referencia Competitiva da Xunta cunha traxectoria de máis de 25 anos no campo da Intelixencia Artificial. Durante os últimos 10 anos o grupo centrouse no estudo da aprendizaxe computacional en contornas de alta dimensionalidade, aportando nesta área novos algoritmos de aprendizaxe computacional, así como novos algoritmos de selección de características (para preprocesamento), con capacidades incrementais ou distribuídas, o que neste momento chámase Big Data Learning. Nos últimos 5 anos o grupo: captou financiamento de I+D por importe de 1.9M€ en proxectos internacionais, nacionais e autonómicos, así como en contratos de I+D con empresas e administracións públicas; publicou máis de 40 artigos en revistas JCR e 90 en congresos internacionais con revisión por pares. O grupo colabora en varios dos seus proxectos con grupos estranxeiros, de EE.UU., Francia, Portugal, Holanda e Reino Unido, cos que ten varias publicacións en común, así como con outros grupos da Comunidade Autónoma e doutras universidades españolas. A súa presencia nesta rede na anterior convocatoria permitiulle afianzar relacións cos outros grupos, publicando artigos conxuntos en revistas e iniciando novos traballos nas súas áreas de investigación. Durante estes últimos 5 anos, o grupo dirixiu 7 teses e prestou especial atención á transferencia dos seus resultados de I+D mediante 3 rexistros da propiedade intelectual do software desenvolvido.

5.- Grupo de Modelización, Optimización e Inferencia Estadística da UDC (MODES)

MODES é Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia. Nos últimos 5 anos o grupo: captou financiamento de I+D por importe superior aos 800.000€ en proxectos internacionais, nacionais e autonómicos, así como en contratos de I+D con empresas e administracións públicas; publicou 128 artigos en revistas JCR e 22 libros ou capítulos de libros de editoriais de recoñecido prestixio, ademais de dirixir 8 teses no marco do seu Programa de Doutoramento con Mención de Calidade/Excelencia. O grupo posúe colaboracións estables con numerosos investigadores de universidades españolas, europeas e americanas. É importante salientar que entre as liñas de traballo de MODES se poden citar varias nas que se utilizan técnicas estatísticas para procesamento Big Data ou Data Mining, entre outras, a Análise Cluster, CARTs, redes neuronais, regresión loxística, etc. Ademais, a análise estatística de grandes bases de datos por parte de membros do grupo MODES nas súas investigacións, incluíndo, por exemplo, datos de moi alta dimensión ou datos funcionais, conxuntamente co uso de procedementos moi custosos desde un punto de vista computacional (métodos de simulación por Monte Carlo, técnicas de remostraxe bootstrap, métodos de validación cruzada, etc.) fan necesaria a utilización de tecnoloxías e infraestructuras HPC e cloud para obter resultados eficientes e nun tempo razoable. Recentemente o grupo abriu unha nova liña de investigación sobre detección e corrección dos nesgos en Big Data (Big-but-biased Data).


6.- Grupo de Filoxenómica da UVIGO (PHYLOLAB)

O PHYLOLAB é un grupo de investigación cun gran prestixio internacional no mundo da xenómica evolutiva e a bioinformática. Na actualidade o grupo está a desenvolver varias liñas de investigación (por exemplo, en cancro) baseadas en datos xenómicos masivos producidos mediante técnicas de secuenciación de nova xeración (“Next-Generation Sequencing” ou NGS), eido no que xorden numerosos retos e dificultades computacionais á hora de traballar con cantidades inxentes de datos. O grupo acumula unha importante traxectoria no seu campo, avalada por máis de 44.000 citas e o recoñecemento do seu IP como ISI Highly Cited Researcher nas áreas de “Molecular Biology & Genetics” e "Computer Science". Nos últimos 5 anos o grupo captou financiamento de I+D por importe de ~4M€ en proxectos internacionais (onde compre destacar a obtención de dun proxecto do Consello Europeo de Investigación -“European Research Council”-: ERC Starting e Consolidator Grants), nacionais e autonómicos, máis convenios. Nese mesmo período os membros do grupo publicaron máis de 70 artigos en revistas JCR (incluíndo Nature, Nature Methods ou Science).


7.- Grupo de Enxeñería de Bioprocesos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, CSIC (BIOPROC)

O BIOPROC ten unha traxectoria de 17 anos no campo da bioloxía de sistemas computacional, prestando especial atención nos últimos anos a mellorar a eficacia de bioprocesos mediante métodos de enxeñería de sistemas. Estes métodos están baseados nunha aproximación sistémica baseada en modelos, é dicir, fan uso extensivo de métodos e ferramentas (software) de modelado matemático e simulación, optimización e control, altamente demandantes das tecnoloxías obxecto desta rede. O obxectivo último é mellorar a eficacia destes procesos e a calidade e a seguridade dos seus produtos, reducindo a enerxía e o consumo de auga e o impacto ambiental. Nos últimos 5 anos o grupo: captou financiación de I+D por importe superior a 3.5M€ en proxectos internacionais, nacionais e autonómicos, así como en contratos de I+D con empresas e administracións públicas; publicou 80 artigos en revistas JCR (o 80% deles no cuartil Q1 do JCR) e 70 en congresos internacionais con revisión por pares (o 40% das publicacións en coautoría con grupos estranxeiros); e dirixiu 11 teses de doutoramento.

8.- Grupo de Gráficos por Computador e Enxeñería de Datos da USC (COGRADE)

COGRADE está integrado no CITIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC), onde os seus membros coordinan dous programas científicos do centro: Intelixencia Ambiental e Interfaces Multimodais, e Enxeñería de Datos. Ámbolos dous programas orbitan na liña de adquisición de grandes volumes de datos do entorno para logo extraer e interpretar a información recollida (de diversa natureza: gráfica, espazo-temporal, etc.), así como desenvolver aplicacións multimedia e multimodais de interación entre o usuario e o seu entorno. En definitiva, estamos a falar da internet das cousas e das persoas e dos datos na nube, todos eles susceptibles de seren tratados con tecnoloxías Big Data en contornas HPC. Nos últimos 5 anos o grupo captou financiamento de I+D por importe de 1M€ en proxectos e contratos de I+D e dirixiu 3 teses no marco do seu Programa de Doutoramento con Mención cara a Excelencia. O grupo está fortemente orientado á transferencia de tecnoloxía ao sector empresarial e froito desta actividade creou nese período 2 spin-offs e xerou 2 patentes e un rexistro software, destacando a súa participación no ano 2013 en 3 proxectos de I+D+i FEDER-Innterconecta do CDTI, proxectos de desenvolvemento experimental con carácter estratéxico e de gran dimensión realizados conxuntamente por empresas e organismos de investigación.


9.- High Performance Computing Group do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA)

O CESGA é o centro de referencia da supercomputación en Galicia, cunha traxectoria de 23 anos no ámbito HPC e con especial atención nos últimos anos á computación cloud e ao procesamento Big Data. O CESGA presta servizos de cómputo e almacenamento a toda a comunidade científica galega e ao CSIC, tendo tamén acordos de colaboración con outras institucións. O CESGA da servizo na actualidade a preto de 500 investigadores. Durante os anos 2015 e 2016, o CESGA vén de actualizar a súa infraestrutura con novos equipamentos de grande interese para a rede: o novo supercomputador Finis Terrae II; unha nova infraestrutura de Big data que permite explotar grandes cantidades de datos; e unha actualización da súa contorna cloud. A produción científica dos usuarios do CESGA (con utilización directa das infraestructuras do centro) durante os últimos 5 anos foi de 1110 artigos e 333 comunicacións en congresos. Ademais, o equipo investigador do CESGA tamén posúe a súa propia producción, participando nos últimos 3 anos en máis de 40 proxectos de I+D financiados en convocatorias públicas. En concreto, no ano 2015 participou en 29 proxectos, dos cales 16 son europeos ou internacionais e 3 son contratos coa industria. Salientar entre estes proxectos recentes varios do campo da computación Cloud, HPC e Big Data financiados en convocatorias da Unión Europea, como os proxectos CloudPYME2, Fortissimo, Fortissimo2, PRACE (en colaboración co BSC-CNS) ou SESAME.net,  de gran interese para o ámbito da rede. Actualmente, conta con proxectos en execución en 2016 por un importe de 2M€. E ten aprobados, pero aínda sen contrato por parte da Comisión Europea, outros dos proxectos relevantes no ámbito da rede: a súa prticipación en PRACE 5P e un proxecto sobre matemática computacional denominado MSO4SC. Ademais, é o coordinador da actividade RESxPYME da Red Española de Supercomputación, sobre a promoción do uso das tecnoloxías HPC e Big Data entre as PEMES españolas.


10.- Grupo de Ecoloxía Planctónica e Bioxeoquímica (EPB) do Centro Oceanográfico de A Coruña, Instituto Español de Oceanografía (IEO)

O Instituto Español de Oceanografía (IEO) é un organismo público de investigación dedicado á investigación mariña. O grupo EPB do Centro Oceanográfico do IEO na Coruña, que se incorporou á rede en 2016, desenvolve investigación multidisciplinar centrada na dinámica e o funcionamento dos ecosistemas peláxicos mariños. A investigación do grupo está baseada no mantemento dunha rede de observacións sostidas combinada con simulacións numéricas con modelos rexionais de circulación mariña que permiten estudar a variabilidade da circulación oceánica a distintas escalas espaciais e temporais e o seu impacto no ecosistema no sistema de afloramento de Portugal-Galicia e no Mar Cantábrico. Esta liña de investigación está sostida por financiamento de programas estatais, galegos, europeos (FP7, H2020, Interreg) e propia do IEO. Outra liña de interese do grupo é o desenvolvemento de produtos e servizos para usuarios do sector mariño, tanto do sector marisqueiro e pesqueiro como doutro tipo de público usuario ou traballador do mar. No ámbito da temática da rede o grupo utiliza recursos HPC para as simulacións numéricas do modelo de circulación acoplado cun modelo do ecosistema en colaboración co CESGA, co que ten un convenio desde 2011. Tamén está utilizando tecnoloxías HPC para estudos de metaxenómica e asignacións taxonómicas de comunidades mariñas. Ademais se desenvolven servizos baseados en estándares OGC e na directiva INSPIRE para a diseminación de observacións e de resultados de modelos do noso sistema, o que implica o tratamento e visualización de grandes volumes de datos.